CRTVG

Buscar

César Adrio nunca entregou a roupa que levaba a noite do asasinato de Ana Enjamio

Publicado o 11/12/2019 19:51

Por que César Adrio nunca lle deu á policía a roupa que levaba a noite que mataron a Ana Enjamio? El entregou as pezas que vemos na sala do xuízo, pero esa non é a roupa coa que aparece nas fotos da cea desa noite. E así o confirmaron as testemuñas. De feito, as pezas que levaba nunca máis apareceron.

Os axentes que declararon este mércores revelaron máis detalles. César declarou que chegara á casa ás 5 da mañá. Pero seu pai di que chegou ás 7. Cando o chamaron para que fose á comisaría non se extrañou nin sequera preguntou que pasara. Xa en dependencias policiais pediu ir ao baño 5 veces para lavar as mans. E negouse a que lle tomasen mostras biolóxicas das mans cando llo pediron os axentes.

Os sinais dos teléfonos dan outros datos reveladores. Despois de volver da cea, Ana Enjamio falaba por whatsapp co seu mozo. Pero ás 5.28, o teléfono da moza apagouse. A policía cre que esa foi a hora do crime. César desconectara antes os datos dos seus dous teléfonos. E non volveu conectalos ata a mañá seguinte.

Dous minutos despois do crime, unha cámara de seguridade próxima á casa de Ana rexistra o paso dun vehículo do mesmo modelo ca o de César. Non se ve a matrícula, pero os axentes din que é un modelo moi pouco habitual.

César pasou pola casa, duchouse, cambiou a roupa e despois foi a Vilagarcía a recoller os seus fillos. Chegou alí ás 8.30. A muller estrañouse desa visita sorpresa porque el tiña a obriga de avisar con 24 horas de antelación e non o fixera.

Ao día seguinte intentou suicidarse con moi pouco éxito. Para os axentes, a nota de suicidio é unha proba condenatoria máis. Pide perdón aos pais, aos seus fillos e tamén a Ana. Os investigadores din que é un caso típico de alguén que quere buscar alivio.

Pero neste enredo faltan pezas importantes. A arma do crime, o teléfono de Ana e a roupa que César levaba esa noite, seguen sen aparecer.

 

Noticias web

11/12/2019