CRTVG

Buscar

Telexornal Serán FDS

Centros de ensino de Vigo pioneiros en aprenderlles aos máis cativos intelixencia emocional e lingua de signos

Publicado o 05/04/2014 21:25

Identificar estados anímicos propios e doutros, e aprender a controlalos para conseguir xestionalos. Son os principais obxectivos da aprendizaxe da intelixencia emocional. Como materia extracurricular comeza a impartirse nalgúns centros de ensino de Galicia. En Vigo xa son media ducia. Estivemos nun dos pioneiros, na Escola de Educación Monte da Guía, onde alumnos, nais e pais e docentes intentan levar o aprendido fóra das aulas tamén.

Xa Charles Darwin falaba da expresión emocional para a supervivencia e para a adaptación dos seres vivos ao medio natural. Pero o termo literal acuñárono psicólogos da Universidade de Yale para definir a capacidade de sentir, entender, controlar e modificar estados anímicos, propios ou alleos.

"Cando eu vexo un tigre, asústome, e ti ? Entón o que teño é medo, cal carauta desta se corresponde con como nos sentirmos? Esta".

Na actividade extraescolar de intelixencia emocional, cativos de entre 3 e 5 anos aprenden a recoñecer as emocións, a controlalas e a xestionalas.

"Os nenos cando aprenden a controlar as súas emocións aprenden tamén a entender as dos demais. Sérvelles para agora e tamén para o futuro. Aprenden a relacionarse cos demais, e cando antes o aprendan, mellor. Tamén lles sobe a autoestima, que é súper importante en moitos ámbitos, tamén no do éxito escolar".

"Aprenden a controlar, por exemplo, as rabechas, aprenden a respirar..."

"Son actividades moi orixinais e novidosas. Teño dous fillos nas actividades, Sara e Lucas, de 4 anos. Como eran moi tímidos, pensamos nesta actividade, porque lles axuda a expresarse, a relacionarse... Pensamos que podería ser moi útil para eles".

Estas actividades extraescolares de intelixencia emocional, xa se imparten en media ducia de centros educativos de Vigo. Neste, pioneiro, na Escola de Educación Infantil Monte da Guía, intentan que a actividade se estenda ás aulas, aos currículos formativos, e tamén que se xeneralice fóra, nas casas, e coas familias. Igual o fan con outra das materias máis orixinais e universais que imparten, a lingua de signos.

"Aprenden a saber o que é unha persoa xorda, que é non escoitar, que son compañeiros que precisan de lingua de signos. Tamén están traballando a psicomotricidade fina, a atención, a memoria... "

"Imos ir xunto ao rapaz da cámara que xa está preparado e imos dicirlle cousas en lingua de signos: vermello, papá, mamá...
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí