CRTVG

Buscar

Centros de chamadas e comedores sociais son algunhas iniciativas solidarias cos colectivos máis vulnerables

Publicado o 17/03/2020 20:08

Este é o centro de chamadas da Cruz Vermella en Lugo, onde os voluntarios atenden as necesidades dos colectivos máis vulnerables. No conxunto de Galicia, brindan apoio a máis de 25.000 usuarios, sobre todo persoas maiores que están confinadas nas súas casas e que precisan que alguén lles leve comida ou medicinas.

David Castro, psicólogo da Cruz Vermella: "E o que estamos detectando é un pouco ese medo, ese illamento social, e rompemos un pouco esa barreira para que a xente se sinta máis protexida. É simplemente que as escoiten, moitas veces. E o que pretendemos, unha vez detectadas esas necesidades, é actuar en consecuencia. É dicir, xente que non ten ninguén que lle faga a compra, facemos ese labor, ou con xente que non ten quen lle vaia pola medicación."

Doutra banda, os comedores sociais estanse a reorganizar para seguir mantendo este servizo. É o caso deste comedor do bispado de Lugo, onde xa non se serven comidas, pero si se fan entregas aos usuarios a través dun mostrador.

Miguel Gómez, coordinador do comedor de San Froilán: "Primeiro, que a xente non quedara sen o servizo da comida. Despois, garantir tamén que non houbera un contaxio, e por iso nos pareceu mellor, en vez de dar as comidas aquí, no comedor, que a xente as viñera buscar, gardando as medidas de seguridade que marcan as autoridades sanitarias."

A falta de envases, a comida entrégase en recipientes dun só uso que foron doados por particulares a través dunha iniciativa solidaria.

Noticias web

17/03/2020