CRTVG

Buscar

Centos de verineses celebran con produtos da matanza a romaría de Santo Antón

Publicado o 17/01/2019 14:38

 

En Verín celebran hoxe unha das súas festas máis tradicionais, a romaría do santo Antón, na parroquia de Ábedes. No monte, ao carón da capela e das fogueiras, xúntanse os grupos de amigos e familias para xantar, alí asan e proban os chourizos e demais produtos da matanza e tamén catan o viño novo. Centos de verineses comparten xuntos unha xornada de festa.

Desde primeira hora da mañá os grupos de familias e amigos comezan a instalarse nestes montes que rodean a capela do santo Antón de Ábedes. É a primeira romaría do ano e unhas das festas máis tradicionais en Verín.

Coas fogueiras en marcha comezan a preparalo todo para o xantar. Porque como manda a tradición hoxe proban os produtos da matanza e tamén o viño novo. Aquí non faltan os chourizos, touciño, cachucha, caldo e tamén asan o porco ou cordeiro ao espeto.

E esta romaría que mestura o relixioso e o profano, marca tamén o inicio do tempo de Entroido de Verín. Esta tarde sairán por primeira vez os cigarróns. E a festa no monte vai continuar todo o día ata que o corpo aguante.


 

 

Noticias web

17/01/2019