CRTVG

Buscar

Centos de traballadores protestan ante a Xunta para esixirlle a Endesa un plan de descarbonización

Publicado o 13/09/2019 15:40

Os trabaladores de Endesa esíxenlle ao Goberno central que tome medidas para que se garanta o mantemento da produción na central das Pontes, despois de que o executivo de Pedro Sanchez adiantara o seu peche das térmicas españolas. Reclaman unha mesa de negociación entre empresa, ministerio e traballadores.

Os traballadores de Endesa, na central térmica das Pontes, das empresas auxiliares e os transportistas que levan o carbón á central concentráronse en Santiago para pedirlle á Xunta que os axude nas súas reclamacións ante o Goberno central, que adiantou o peche das centrais térmicas ao 2021. Unhas reclamacións en que contaron co apoio do socialista Valentín González Formoso, que deixou unha mensaxe para o Ministerio de Transición Ecolóxica.

Os transportistas que levan o carbón á central levan catro meses parados porque a térmica superaba as emisións máximas permitidas. Reclámanlles ao Goberno e a Endesa que tomen medidas para axudalos a afrontar as perdas.

Tras coñecer que Endesa paralizou as obras de reforma da central, os sindicatos esixen que se garanta o mantemento da produción.

Ao remate da concentración, a conselleira de Infraestruturas reuniuse cos representantes dos traballadores e dos transportistas e co alcalde das Pontes. A Xunta atendeu as peticións dos sindicatos e xa estableceron unha folla de ruta conxunta. Ethel Vázquez reclámalles ao Ministerio e a Endesa que poñan data canto antes para unha reunión. Enriba da mesa varias medidas: exencións fiscais para as empresas que reducen as emisións e a eliminación do céntimo verde co que o Goberno de Pedro Sánchez gravou o carbón.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/09/2019