CRTVG

Buscar

Centos de persoas reclaman máis recursos para a inclusión real do alumnado xordo

Publicado o 25/09/2021 14:48

Colectivos de persoas xordas de toda Galicia participan en Lugo nunha andaina reivindicativa. Deste xeito conmemoran o día internacional que pretende visibilizar esta problemática. Nesta ocasión orientan as súas reclamacións con vistas á inclusión real do alumnado que ten esta dificultade no ámbito educativo.

O presidente da Asociación de Persoas Xordas de Lugo, Daniel Lourés, bota de menos que haxa unha materia en lingua de signos para que o alumnado xordo poida contactar co oínte; que se teña en conta a barreira comunicativa que supón usar a máscara e, en xeral, demanda máis recursos para ter unha educación de calidade.

Aínda que nalgúns centros si hai intérprete de lingua de signos, non están durante toda a xornada, de aí que a inclusión diste moito da normalidade. Iker Sertucha, da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, lembra que hai 52 intérpretes nos colexios galegos pero hai centros que carecen desta figura.

Igualmente, considera conveniente un mestre de audición e linguaxe e que os contidos multimedia estean adaptados en lingua de signos con subtítulos. 

Noticias web

25/09/2021