Centos de persoas protestan na Coruña en apoio dos transportistas do carbón da central das Pontes
Os 150 transportistas partiron cos seus camións cara ás Pontes a primeira hora da mañá para concentrarse diante da delegación do Goberno, e reclamar así unha solución á situación que atravesa a central térmica das Pontes, paralizada desde hai cinco meses polo elevado custo dos dereitos de emisión de CO2. Á súa demanda uníronse os representantes da industria auxiliar que presta servizo na central e tamén alcaldes e representantes das forzas políticas. Todo para reclamar do Goberno central unha transición enerxética ordenada e un futuro para as comarcas afectadas.
Caravana de camións pola estrada que separa As Pontes da Coruña. Os transportistas que trasladan o carbón desde o porto de Ferrol ata a central térmica levan practicamente o que vai de ano sen actividade.
Así os recibían á súa chegada á Delegación do Goberno o resto de colectivos afectados pola parálise da central de Endesa. Os representantes das compañías auxiliares súmanse ás súas demandas.
Apoio tamén dos alcaldes das comarcas afectadas e das forzas políticas, que reclaman do Goberno central medidas que garantan a continuidade do emprego.
O delegado do Goberno en Galicia mantivo un encontro con representantes dos colectivos afectados no que lles trasladou o compromiso do Ministerio de Transición Enerxética de convocar unha mesa de negociación a finais deste mes coa presenza dos responsables de Endesa.