CRTVG

Buscar

Centos de persoas piden en Nigrán xustiza para Nacho Martíns

Publicado o 17/08/2021 09:10

• O mozo loita por recuperarse dunha brutal malleira 

Varios centenares de persoas xuntáronse en Nigrán a noite pasada en apoio de Nacho Martíns, un mozo de 25 anos, veciño deste concello pontevedrés e vítima dunha agresión en grupo. Foi a nai a encargada de ler unha carta redactada polo rapaz. Conta que, mentres os seus agresores gozan da vida, el leva un ano con pesadelos, case sen saír da casa e con secuelas importantes, físicas e psicolóxicas.

Lupe Comesaña, nai de Nacho Martíns: "Vaino levando pouco a pouco. Está co tratamento, coas pastillas tres veces ao día. Auméntaronlle un pouco máis a dose. Está con ansiedade, con pesadelos, fobias, con medo".

Nacho saudou os asistentes desde unha terraza, entre eles, os seus amigos motoristas. E, aínda que non estaba previsto, logo animouse a baixar á rúa e darlle gas a unha moto que está aparcada desde o día da agresión.

A concentración convocouna a nai de Nacho, xusto cando facía un ano da brutal malleira da que foi vítima en plena rúa. Estivo hospitalizado con feridas graves, pero puido recoñecer dous dos agresores. Ademais, unha terceira persoa está investigada como sospeitosa de participar na malleira grupal. Familia e amigos piden xustiza. Agardan que en setembro se reactive a investigación.




Noticias web

17/08/2021