CRTVG

Buscar

Centos de persoas pasaron a noite no aeroporto do Prat

Publicado o 15/10/2019 13:16
Centos de persoas pasaron a noite no aeroporto do Prat

Centos de persoas pasaron a noite no aeroporto de Barcelona, que se converteu no epicentro das protestas independentistas contra a sentenza do procés, o que obrigou a cancelar máis dun centenar de voos.

O Prat amenceu este martes con centenares de persoas durmindo en cadeiras ou no chan da terminal, onde se abriron varias salas destinadas aos traballadores para que os pasaxeiros poidan descansar.

No aeroporto tamén se poden ver multitude de colas, tanto nos mostradores de facturación como nos de reclamacións, onde igualmente hai xente durmindo, especialmente no de Vueling, que onte cancelou un centenar de voos, ao ser a principal liña aérea que opera no aeroporto.

Aos centenares de persoas que onte perderon o seu voo sumáronse os viaxeiros que, tras coñecer a situación de onte, preferiron chegar ao aeroporto con moita antelación.

A diferenza de onte, luns, a presenza policial no recinto é a mesma ca calquera outro día e pódese acceder ao seu interior sen necesidade de ensinar a tarxeta de embarque nin pasar controis policiais.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí