CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

Centos de persoas despediron na Coruña o piloto falecido no accidente do A400M en Sevilla

Publicado o 14/05/2015 21:16

Pendentes do que desvelen as caixas negras, expertos en aviación suliñan a pericia do piloto, que manobrou para aterrar nunha leira de labradío

Na Coruña despediron esta tarde os restos mortais de Manuel Regueiro, o piloto falecido o pasado sábado en Sevilla no accidente aéreo do A400M. Á espera de que se coñezan as causas exacta do sinistro, fontes próximas á investigación destacan o sangue frío do piloto, que evitou que a nave caera nunha zona habitada.

Dor e respecto foron os sentimentos comúns esta tarde entre todos os que se congregaron no tanatorio Servisa da cidade herculina, para despedir a Manuel Regueiro, unha das catro vítimas mortais do sinistro do Airbus A400M da pasada fin de semana.

Un accidente que se produciu só tres minutos despois da engalaxe, presumiblemente por un fallo mecánico. Pendentes do que desvelen as caixas negras, expertos en aviación subliñan a pericia do piloto, que manobrou para aterrar nunha leira de labradío.

O piloto tentou nos últimos segundos evitar que a nave caese en zona habitada e sorteou un centro comercial e varias instalacións industriais, aínda que acabou batendo contra unha torre de alta tensión, que causou o estoupido da nave. No sinistro faleceron catro persoas.

Os dous sobreviventes do accidente, un mecánico e un enxeñeiro, permanecen estables dentro da gravidade.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Telexornal Serán

14/05/2015