CRTVG

Buscar

Centos de milleiros de mulleres marchan nos EUA contra as políticas de Trump

Publicado o 21/01/2017 20:34

A chamada marcha das mulleres superou as previsións e inundou de reivindicacións o primeiro día da era Trump. Pero as protestas tiveron eco mesmo ao outro lado do Atlántico. En Londres, París ou Barcelona tamén se celebraron manifestacións semellantes

O día 1 da era Donald Trump vén marcado pola multitudinaria protesta celebrada este sábado en Washington. Calcúlase que medio millón de persoas se botaron ás rúas da capital estadounidense para amosar a súa repulsa ante o presidente máis polémico da historia do país. As protestas reproducíronse noutras cidades como París, Londres ou Barcelona. Mentres, Trump, alleo ao balbordo, asistiu a un servizo relixioso e tiña previsto visitar despois á sede da CIA.

Nunca ata este ano a Marcha das Mulleres tivera tanta carga política nin tanto seguimento. En 2017 converteuse nun movemento de costa a costa nos Estados Unidos. Orixinalmente foi concebida como un día de reivindicación da muller peor hoxe eiquí e moito máis. É un símbolo de protesta e en moitos casos de repulsa contra Donald Trump e ollo, tamén contra Mike Pence, o seu vicepresidente firme opositor do deito ao aborto ou do matrimonio homosexual. Lembremos que Donald Trump, ademais da súa famosa frase de agarrar as mulleres polos xenitais expresou durante a campaña, nunha polémica entrevista, a súa vontade de incriminar á muller que abortara. A resposta está hoxe en Washington pero tamén Nova York, Los Angeles ou Chicago. Eiquí na capital a marcha irá desde o Capitolio á Casa Branca, nun recorrido similar ao que fixo a comitiva presidencial onte a noite para levar a Donald Trump ao seu novo domicilio o 1.600 de Pennsilvania Avenue.

As expectativas desta Marcha das Mulleres eran reunir 250.000 persoas nas rúas de Washington para amosarlle ao novo presidente a resistencia que terá no seu mandato se non respecta a diversidade, a igualdade e os dereitos humanos. Pero a iniciativa que xurdiu dunha avogada xubilada nas redes sociais superou calquera expectativa. Nas proximidades da Casa Branca permanecen desta hora medio millón de persoas, segundo as organizadoras e as autoridades.Ringleiras de xente foron enchendo as estacións do metro desde primeira hora da maña. Máis de 1.000 autobuses chegaron repletos de manifestantes desde distintos lugares do país para participar nunha protesta na que os discursos de xente como a actriz América Ferrera, ou o director de cine Michael Moore esixiron, fundamentalmente, respecto.

"A nosa dignidade, o noso carácter, os nosos dereitos foron atacados e a plataforma de odio e da división asumiu o poder onte pero o presidente non é América, o seu gabinete non é América, o Congreso non é América. Nós somos norteamericanos e estamos aquí para quedar"."Espertei esta mañá e collín o Washington Post, e o titular dicía: "Trump toma o poder ". Non o creo, aquí está o poder, aquí está a maioría dos Estados Unidos, nós somos a maioría, o novo presidente promete acabar coa "sangría americana". Sr. Trump, estamos aquí para xurar que acabaremos coa desfeita de Trump."A marcha, pacífica e festiva, é unha mostra de forza daqueles que non lle dan sequera un día de confianza ao novo presidente. Chega despois dunha campaña na que Donald Trump tivo xa mostras reiteradas do rexeitamento que provocaba en parte da sociedade norteamericana. As mulleres puxéronse á fronte das protestas nos Estados Unidos para demostrar que os seus dereitos, igual que os de todos aqueles que forman parte de comunidades marxinadas na sociedade deberán ser respectados independentemente de quen teña o poder político.Os "Pussy hats", puchos rosa, de punto e con orellas de gato, son xa un símbolo de resistencia que xorde a partir dun xogo de palabras dun enunciado machista pronunciado polo propio Trump. Unhas declaracións misóxinas que para moitos simbolizaron a liña política do novo presidente e activaron desde o primeiro momento a mobilización.

TAMÉN NO RESTO DO MUNDO
Puchos rosa que encheron tamén as 616 marchas convocadas en distintas cidades do mundo, entre elas Barcelona.Moitas mulleres, e tamén homes reclamaron nestas marchas valores universais: o respecto e a dignidade para todas as persoas.

Insistiron en que ninguén debe permanecer indiferente ante as actitudes sexistas, racistas, homófobas e xenófobas, e criticaron que esta vaia ser a nova liña política do presidente da primeira potencia económica mundial. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/01/2017