Censuran a celebración dun campionato na Ribeira Sacra que cualifican de "macrobatida de raposos"

O colectivo animalista Libera censurou que a Xunta de Galicia autorice para este sábado -8 de febreiro- un novo "campionato" para exterminar raposos na Ribeira Sacra, entre os municipios de Portomarín, Guntín, Monterroso e Paradela, "camuflando unha vez máis unha macrobatida coma se fose unha actividade de carácter deportivo".
De feito, este colectivo alertou de que, por "quinta vez nas últimas semanas, nin o executivo autonómico nin os promotores destas cacerías, advertiron con tempo suficiente á cidadanía das súas pretensións, as de sacar a decenas de escopeteiros a disparar ao monte sen ningún tipo de información e vulnerando por enésima ocasión a Lei de Emerxencias de Galicia".
Ademais, os animalistas lembran que "a zona escollida non é nova, xa que os organizadores realizaron pseudocompeticións similares en anos anteriores, como 2016, 2017 e 2019”.
Precisaron, ademais, que na edición do pasado ano "un cazador mesmo resultou ferido tras dispararse nunha perna ao enredarse nuns arames, o que evidencia o escaso control das autoridades polas zonas nas que transitan estas persoas con armas de fogo".
Os animalistas censuran "o escaso rigor científico da Xunta de Galicia, que autoriza cacerías de alto impacto ecolóxico en espazos que están baixo discusión do Consello de Patrimonio Histórico e da UNESCO para a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Humanidade".
Para o colectivo animalista "resulta lamentable que a Consellería de Medio Ambiente e a Secretaría Xeral para ou Deporte consideren que matar raposos é un deporte, equiparable a calquera encontro de tenis ou de baloncesto".
Ademais, os activistas sospeitan que "entre os estreitos colaboradores do evento estará o oncello de Portomarín, que noutras edicións cedeu de forma gratuíta unha instalación municipal, extremo que desde a asociación animalista instan a anular en caso de confirmarse".