CRTVG

Buscar

Cen anos da primeira exposición dos debuxos do álbum Nós de Castelao

Publicado o 13/08/2020 15:03

Publicadas na prensa entre 1916 e 1918, as estampas do álbum Nós expuxéronse por primeira vez na Coruña en 1920, medio cento de debuxos tinguidos dun pesimismo que, en palabras de Castelao, buscaba espertar carraxes e o desexo dunha vida máis limpa.

"Antes de Nós e despois de Nós é unha realidade diferente, é como unha viraxe. Ese ano de 1920 é o ano da Teoría do nacionalismo galego de Risco, é cando se expón o álbum Nós e cando sae a revista Nós, é o ano en que os galegos comezan  a ter conciencia de que teñen que buscar os seus dereitos e reivindicalos", explica Miguel Anxo Seixas, autor do libro "Castelao, construtor da nación".

Dicía Castelao que nunca cultivou a arte pola arte. Co lapis ou coa pluma, definíase como un intérprete fiel do seu pobo, das súas dores e das súas esperanzas.

"Representando a emigración, o caciquismo, o problema da lingua, foi como un chamamento para que a xente tomara consciencia de que Galicia tiña problemas e de que había que solucionalos", sostén Miguel Anxo Seixas.

Mostra do seu compromiso con Galicia e coas clases populares, as estampas do album Nós supuxeron un antes e un despois no labor artístico de Castelao e na evolución da arte galega do século XX.



 

Noticias web

13/08/2020