CRTVG

Buscar

Celso Rodríguez: "O exame da ABAU terá máis preguntas do habitual para que o alumno poida descartar"

Publicado o 26/03/2020 11:16

O presidente da Comisión Interuniversitaria de Galicia, Celso Rodríguez, avanza que as probas de acceso á universidade darán este ano máis opcións de descarte de preguntas aos estudantes, para tratar, dese xeito, de paliar o tempo sen clases que está a provocar a pandemia de coronavirus.

Non se considera a posibilidade de suprimir parte do temario que entrará nas probas, porque cada centro programa a materia de forma diferente.

Unha vez tomada a decisión por parte do Goberno central de atrasar as probas, e a falta de determinar a nova data de celebración, sábese que serán entre o 22 de xuño e o 10 de xullo. Rodríguez apunta que "depende dunha resolución da Xunta, que sempre decide de acordo con nós, pero unha opción sería os días 7, 8 e 9 de xullo, que é cando estaban previstas as probas de segunda oportunidade, pero depende tamén de cando acabe o bacharelato".

Por outra banda, o presidente da CiUG explica que "hai moitos estudantes que están optando pola docencia virtual, pero non todos teñen os mesmos medios para facelo".

Noticias web

26/03/2020