CRTVG

Buscar

Celso González: "Na Iacobus Maris a xente poderá participar no día a día da navegación"

Publicado o 29/08/2019 10:48

Celso González, responsable da fundación Traslatio, explicou este mércores desde o estudio do Bos días en que consiste o proxecto Iacobus Maris 2021, que recreará con grandes veleiros a ruta dos discípulos do Apóstolo Santiago que trouxeron os seus restos desde Haifa a Galicia.

"A idea xorde do barrio de Bouzas, en Vigo, -contou Celso González-, onde hai unha lenda que é a do cabaleiro das cunchas, que di que ao pasar os restos do Apóstolo por alí había unha voda e o noivo afogou e ao pasar a barca do Apóstolo o noivo xurdiu das augas cuberto de cunchas. Desde hai dez anos faise unha pequena ruta e agora falouse de facer unha ruta ao grande, con grandes veleiros, e o mellor ano é o 2021, que é xacobeo".

Estes grandes veleiros xa recalaron algunha vez en portos de Galicia, como por exemplo na Tall Ship Race, pero desde a organización da Iacobus Maris 2012 din que isto "é unha cousa diferente do que están afeitos a facer. Eles regatean e esta é unha ruta sociocultural. É un motivo que lles damos aos capitáns dos grandes veleiros para participar e ao público para que os veñan visitar. Estamos tendo moito éxito. Xa hai varios confirmados e outros confirmarán ao longo deste ano e do que vén. Esperamos unha boa participación".

Ademais, esta iniciativa, que está en proceso de pechar as etapas, irá acompañada dunha oferta turística: "Unha das vantaxes é que non só se vai poder visitar nos portos, senón que tamén se vai poder participar no día a día da navegación. E terá un prezo moi accesible", dixo Celso González.