CRTVG

Buscar

Celestino Naveira, adegueiro de Valdeorras: "A cantidade non é que sexa alta, pero a calidade é excepcional"

Publicado o 29/08/2019 10:16

Comeza vendima. Este mércores foi na Ribeira Sacra e este xoves comeza en Vadeorras. Celestino Naveira, da adega Bioca, en Petín, dixo no Bos días que agarda "unha colleita media alta en moi boas condicións, que nos vai permitir resarcirnos dos tres últimos anos".

Superados problemas doutros anos, principalmente meteorolóxicos, os adegueiros son optimistas de cara a este 2019: "A cantidade de uva non é que sexa alta, pero a calidade é excepcional", di Celestino.

"Nós estaremos case un mes vendimando. Agora recolleremos o godello que temos arredor da adega, e despois temos godello noutros lugares onde aínda non está maduro. Despois iremos co mencía, e xa cara a finais de setembro iremos coa garnacha", explicou este adegueiro, que tamén dixo que non ten problemas para atopar man de obra para a vendima, ao tratarse dunha produción pequena: "Non é o noso caso, pero si hai xente que ten dificultade para atopar traballadores".

De cara a decembro estará lista a colleita deste ano para poder probar o viño, e Celestino xa anticipa que estará bo: "Todos os anos temos bo viño, e este ano non vai ser menos".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí