CRTVG

Buscar

Celébrase o Día dos Avós, un recoñecemento á súa dedicación aos netos

Publicado o 26/07/2021 14:20

Elena Saa é unha avoa centenaria que vive na residencia das Dores, en Lalín. Ten 12 netos, dos que a covid a mantivo afastada, pero só fisicamente, porque o que máis lle gusta é "escoitar a súa voz. Porque ao escoitar a voz semella que están ao meu lado" asegura Elena Saa, avoa centenaria.

Durante moito tempo ela foi o apoio que moitas familias precisan. Converténdose para os netos case nunha nai.

"Xogar con eles no parque. Só os recollía as fins de semana, os venres viñan pasar a noite conmigo ata o domingo. Unha das netas dicíame: 'Ti es coma unha mamá para nós'", di Elena.

Só eles, os avós, conseguen crear unha simbiose de entendemento cos netos a través dos seus actos de sabedoría, xenerosidade e sobre todo de paciencia case infinita. Asegura que ser avoa lle fai sentirse útil. "Síntome ben, síntome grande", asegura.

Xamais pensou en vivir unha situación de pandemia coma esta. Tras moitos meses sen poder abrazalos agora só pensa en gozar das visitas dos fillos, pero sobre todo deses 12 netos aos que coidou coa atención, comprensión e tenrura que só posúen os avós.

 

 

Noticias web

26/07/2021