CRTVG

Buscar

Telexornal Serán FDS

Celébrase o día da Memoria na Arxentina

Publicado o 24/03/2018 21:36

A Arxentina celebra cada 24 de marzo o Día da Memoria, en recordo dos 30.000 desaparecidos que deixou o terrorismo de Estado.
Pero poucos saben que foi unha entidade galega de Bos Aires a que acolleu durante a última ditadura os mozos que lograron restituír a democracia no país.

No Centro Lalín de Bos Aires, situado a escasos metros deste Congreso nacional, forxouse a democracia arxentina. Porque foi ahí, onde un fillo de galegos, Raúl Alfonsín, xestou xunto ao histórico partido Unión Cívica Radical parte da estratexia electoral que o convertiu no presidente que volveu colocar ó páis na senda democrática en 1983, despois dunha cruenta ditadura.

Quico Pujol, histórico do radicalismo, foi o responsable de que Alfonsín rematase nesta embaixada galega.

ALBERTO "QUICO" PUJOL - Home de confianza do expresidente Raúl Alfonsín e xefe de Protocolo durante o seu mandato
"Isto era prácticamente un restaurante de clube e na entrada, á esquerda, había unha parede onde tiñamos unha mesa para nós. Foise agrandando a figura de Alfonsín e foise agrandando a xente que viña a acompañarnos".

Corría a década dos 70, as conversas políticas estaban restrinxidas e o terrorismo de Estado deixaba na Arxentina miles de persoas "desaparecidas", ás que o país recorda cada 24 de marzo no Día Nacional da Memoria.

LUÍS BRANDONI - ACTOR E EX-DEPUTADO DA UNIÓN CÍVICA RADICAL
"Este foi un refuxio para os amigos do radicalismo que tiveron a posibilidade aquí de conversar e é para os radicais un lugar moi querido".

Son moitos os mitos que rodean a relación dos pais da democracia arxentina cos lalinenses de Bos Aires, o único certo é a devoción mútua entre ambos.

JESÚS S RODRÍGUEZ - AUDITOR GENERAL DE LA NACIÓN ARGENTINA E HISTÓRICO RADICAL
"Constribuiu a que moitos mozos arxentinos daquel tempo salvasen a vida"

Malia o contexto adverso, no Lalín nunca tiveron medo.

ALEJANDRO GOAS - CONCESIONARIO DO CENTRO LALÍN
"Estaban moi convencidos do que Raúl estaba a facer e por iso o deixaban facer aquí as reunións".

Dúas placas de bronce recordan hoxe a loita de Alfonsín dende esta casa galega da diáspora para rematar coa época máis escura do país austral e trazar os liñamentos dunha incipiente democracia.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí