CRTVG

Buscar

A Conferencia de presidentes, centrada nos fondos europeos para afrontar a pandemia

Publicado o 04/09/2020 09:14

Hoxe celébrase a conferencia de presidentes, en formato telemático. Prevese que comece a establecer os criterios de repartición dos fondo europeos, logo de alixeirarse o seu contido no tocante ao curso escolar, sobre o que xa se pactaron os acordos básicos a semana pasada. Con todo, as comunidades pensan tratar máis temas relacionados coa xestión da pandemia. 

A conferencia de presidentes volve ao formato telemático, e neste encontro os fondos europeos para afrontar a pandemia terán un protagonismo evidente. As comunidades autónomas cuestionan como se van distribuir os 140.000 millóns que recibirá España. Andalucía pide que se repartan por poboación, Valencia quere axilizar trámites e que se defina como van participar as autonomías na súa xestión, Cantabria agarda concretar prazos, Aragón tamén quere tratar o financiamento, interésalle un aumento substancial da marxe de déficit autonómico. E Galicia solicitará un novo fondo para educación e pediu convocar o Consello de Política Fiscal e Financeira.

Outras comunidades pretenden tratar medidas sociais estatais. Como Cataluña, que defenderá que os pais con nenos en corentena pero que non teñen o coronavirus deben poder optar a unha baixa. Ou ben, a ampliación dos ERTES. En Madrid insisitirán na necesidade de establecer unha estratexia nacional para afrontar as repuntas e trasladaranlle ao presidente do goberno a preocupación pola entrada de casos de covid-19 polo aeroporto de Baraxas. Valencia vai máis alá e quere unha especie de espazo Schengen sanitario.

A educación ía ser un elo prioritario desta conferencia, pero finalmente as liñas mestras do deseño do curso escolar quedaron fixadas a semana pasada. É previsible que se púan aspectos concretos dun retorno ás aulas que ten un principio básico. O mesmo principio que guía tamén á educación superior. O ministro de universidades defende as clases presenciais pero non renuncia ás virtuais, recoñecendo así as grandes dificultades que encara o ensino neste atípico, incerto e inminente novo curso escolar.

Noticias web

04/09/2020