Celebración atípica da romaría da Virxe dos Milagres en Ourense
Día grande hoxe da Virxe dos Milagres. Pero coa COVID, a imaxe da romaría á que estabamos acostumados non é nin parecida.
Neste 8 de setembro, o normal sería que neste recinto ás portas do santuario non se collese. Milleiros de devotos acoden fieis cada ano a esta cita a pedirlle os favores á Virxe, din dela a máis milagreira. Este ano fixérono pero de xeito gradual, viñeron as novenas e hoxe hai máis ambiente, pero nada que ver co que se vive aquí noutros anos onde se xuntan milleiros de persoas. Non hai procesión, non sacan a Virxe do santuario, tampouco o rosario das fachos, nin festa no exterior do recinto, onde sempre había postos e feirantes que permitían que os romeiros puidesen achegarse ao santuario percorrendo a pé varios quilómetros en sinal de ofrenda á Virxe.
Dende primeira hora da mañá moitos fieis chegados de todos os puntos amósanlle a súa devoción á Virxe.
Fano dentro do santuario porque este ano non hai procesión. Tampouco postos de polbo nin de feirantes. Así que o ambiente non é nin parecido ao doutros anos ás portas da igrexa. Así o corroboran varios romeiros, que aseguran que este ano hai moita menos xente.
As restricións impostas pola situación sanitaria impediron que moitos cumpriran coas súas ofrendas, o percorrido a pé dos 40 quilómetros que separan o santuario da capital. Aquí pídenlle ou agradécenlle favores á virxe. E practicamente todos coinciden nas peticións: saúde.
Rematan así nove días dunha das manifestacións de devoción relixiosa máis multitudinaria da provincia de Ourense.