CRTVG

Buscar

Celaá presenta a nova lei de FP, un sistema dual de graos conectado coa universidade

Publicado o 15/06/2021 17:32
Celaá presenta a nova lei de FP, un sistema dual de graos conectado coa universidade
EFE

A ministra de Educación, Isabel Celaá, presentou ao Goberno a nova lei de Formación Profesional (FP), que tratará de modernizar "absolutamente o sistema", cunha formación dual de primeiro nivel ao longo da vida das persoas, que servirá para deixar de perder eficiencia e conectará España con Europa.

Así resumiu Celaá os obxectivos da nova Lei Orgánica de Ordenación e Integración da Formación Profesional, que substitúe a lei orgánica das Cualificacións e da Formación Profesional de 2002 e cuxo trámite parlamentario espera iniciar despois do verán para que a norma vexa a luz en decembro co apoio de todos os grupos parlamentarios. "Non é un verniz, unha pintura; é un cambio radical", salientou a responsable de Educación ao explicar que a norma ofrece unha oferta formativa única, acreditable e flexible que, por primeira vez se dirixe tanto aos estudantes como aos traballadores.

Segundo a ministra, cada persoa poderá deseñar e configurar os seus itinerarios, xa que a lei establece un sistema gradual e acumulable que abarca desde microformacións (de entre 30 e 50 horas) ata cursos de especialización (máster profesional), incorpora o bilingüismo e establece un sistema de "portas abertas" entre os centros de formación e as universidades.

O texto que Celaá presentou este martes en primeira lectura ao resto do Goberno é un obxectivo "prioritario e sostido" do seu departamento desde 2018 e pretende dar solución ao desequilibrio entre o nivel de formación e as necesidades do mercado.

Celaá explicou que só o 25 % da poboación activa ten cualificación media e unha 35 % baixa, a pesar de que en 2025 o 50 % dos traballadores requirirán esa cualificación intermedia. Ademais, España dedica 17 horas anuais á formación dos traballadores, fronte ás 50 de Alemaña e, segundo a EPA, o 46 % da poboación activa non ten recoñecidas as competencias profesionais adquiridas pola súa experiencia laboral. Só un 12 % dos mozos españois está matriculado en FP, fronte ao 25 % na OCDE e o 29 % na UE, aínda que Celaá asegura que a demanda destes estudos está a crecer e supera a oferta, xa que tanto familias como estudantes asumen que lles leva "a un destino seguro, con bo salario" e facilítalles o desenvolvemento da súa personalidade. 

A oferta ascenderá a través de distintos graos: A (Acreditación parcial de competencias), B (Certificado de Competencia Profesional), C (Certificado Profesional), D (Ciclos Formativos Básico, Medio e Superior) e E (Cursos de especialización). "Cada cidadán saberá a que porta tocar", dixo Celaá, ao detallar que a microformación será de entre 30 e 50 horas, mentres que un grao superior prolongarase 2.000 horas en dous cursos e o de especialización 600.

Toda a oferta en ciclos dos Graos C, D e E terá carácter dual, co que se reforza a relación entre os centros de formación e os de traballo, e dividirase en dous tipos:

- FP Dual xeneral: cun período de estancia en empresa de entre o 25 % e o 35 % da súa duración total.

- FP Dual avanzada: cunha formación en empresa entre o 35 % e o 50 %, que se establece a través dunha relación contractual entre o estudante e a entidade.

Créase a figura do titor dual do centro e da empresa que avaliarán as aprendizaxes en cada un dos seus respectivos espazos, aínda que a final será responsabilidade do centro educativo.

Axiliza o sistema de acreditación de competencias profesionais adquiridas mediante a experiencia laboral e vías non formais de formación sen necesidade de convocatorias puntuais. Educación prevé acreditar a máis de tres millóns de traballadores en catro anos, dos cales 450.000 comezaranse a tramitar este ano.

 Impulsa novos modelos de colaboración, desenvolvemento de proxectos compartidos e préstamo de espazos entre centros de formación e universidades para xerar transferencia de coñecemento e experiencia, crear innovación e optimizar recursos. Todo iso co obxectivo de "ter as portas abertas" e conseguir que "corra o aire porque sempre o coñecemento é extensivo" en palabras de Celaá.

Crea un novo corpo de profesores especialistas en sectores singulares de FP, onde poderán impartir docencia técnicos superiores de Formación Profesional.

Contempla a creación de dobres titulacións, froito de acordos internacionais, que permitan adquirir simultaneamente o título en dous países. Incorpórase o bilingüismo á FP así como a formación en linguas estranxeiras.

Crea o novo Rexistro Estatal de Formación Profesional que permitirá a calquera cidadán acceder e obter unha vida formativa-profesional actualizada. Absolutamente novo é o Catálogo de ofertas de Formación Profesional que inclúe, por primeira vez, todas aquelas que se poden cursar en España, desde as máis amplas ata as microformación. Aborda a regulación dos centros estranxeiros que imparten FP en España. 

Noticias web

15/06/2021