CRTVG

Buscar

Cede parte do tellado dunha casa na zona medieval de Monforte

Publicado o 11/04/2019 13:58

Os operarios do Concello valan a zona da última casa que sufriu un derrubamento na rúa das Pescaderías de Monforte de Lemos. O tellado caeu por causa dos moitos anos que ten a casa e pola acción da chuvia dos últimos días. Por fortuna, non causou danos persoais, e iso que a vivenda é utilizada polos rapaces para facer o botellón.

Ademais, nas fins de semana son moitos os turistas que pasan por diante dela porque é o acceso para iniciar a visita á zona vella da cidade. Agora colocáronse soportes para que a terraza non caia tamén e barreiras para evitar que se acheguen as persoas e os vehículos. Na parte traseira tomáronse tamén medidas de protección, pero o mal estado do inmoble fai pensar que acabará por caer enteiro.

A casa está situada a só vinte metros destoutra que tamén caeu hai agora cinco meses. En todo este tempo, non se deu orde de derrubamento a pesar de que ameaza con vir enriba da vivenda lindeira e provocar un efecto dominó.

Dende o Concello sinalan que non é fácil actuar nestas edificacións porque para iso é preciso poñer de acordo todos os propietarios, que son múltiples en ambos os dous casos.

Agora xa se traballa para evitar problemas aos numerosos turistas que se agarda que visiten a zona na Semana Santa e na feira medieval.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/04/2019