CRTVG

Buscar

Cecilia Pereira: "O Xacobeo é unha marca imprescindible para Galicia"

Publicado o 03/07/2019 10:16

Cecilia Pereira é a comisaria para o Xacobeo 2021, e este mércores pasou polo plató do Bos Días e explicou nunha entrevista como se está preparando a cita despois de máis dunha década sen celebrar ningún Ano Santo.

"Estamos a punto de presentar o plan estratéxico do Xacobeo 2021" dixo, "é a primeira vez que se fai" e sobre ese plan vanse basear todas as intervencións que se fagan no Camiño e as actividades para celebrar o Ano Xubilar. 

Cecilia Pereira tratou de debullar cales son as fortalezas e as feblezas que agora mesmo ten a Ruta Xacobea, como punto de partida para saber cara onde se quere ir nos próximos anos. "O Camiño é unha marca imprescindible para Galicia, a xente sente que é algo especial", explicou como principal puno forte. "Todo o que se fixo nestes últimos 25 anos hai que reforzalo", asegurou.

En canto aos puntos débiles a comisaria para o Xacobeo 2021 dixo que "hai algunhas cousas nas que hai que reflexionar, sobre o crecemento do Camiño, a necesidade de reforzar a rede de albergues,... Estase traballando no plan de coidado dos propios camiños e mantemento". Ademais tamén fixo fincapé en cuestións menos tanxibles. "Temos a obriga de recoller as experiencias destes peregrinos, e temos que facer un arquivo de todo isto" explicou e "hai que tratar de implicar a toda Galicia, e que todos nos sintamos orgullosos del".

Ademais Cecilia Pereira tamén quixo insistir en que o Camiño de Santiago debe valer para construir  sociedade: "Cando nos deron o premio Carlos V, en Yuste, alí expresei a nosa idea de que os valores do Camiño son os da construción europea. O camiño basease na hospitalidade, pero hai moitos máis valores como o intercambio cultural que é fortísimo, o contacto coa natureza,...", concluíu.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí