CRTVG

Buscar

Cea entre Johnson e Von der Leyen para desbloquearen o Brexit

Publicado o 09/12/2020 08:59

As posibilidades de chegarse a un acordo sobre o Brexit dependen neste momento dunha cea ao maior nivel entre os líderes das dúas partes Boris Johnson e Ursula von der Leyen. Será hoxe en Bruxelas; a presidenta da Comisión Europea dixo que o obxectivo deste encontro é discutir un acordo de asociación. Trátase de evitar a saída do Reino Unido sen pacto, o cal suporía acollerse ás normas da Organización Mundial do Comercio dende o un de xaneiro. Os escollos arestora están na regulación da pesca, nas regras de competencia xusta e mais na gobernanza. O primeiro ministro británico comentou que hai que ser optimista e pensar que se pode chegar a un acordo a tempo, pero, o martes pola mañá, tamén reiterou que o ve moi, moi difícil.

Boris Johnson: "Parece moi, moi difícil polo momento. Veremos que conseguimos os vindeiros dous días, pero penso que a postura do Reino Unido é que queremos acordos a calquera nivel, político ou o que sexa, intentalo todo".

Deulles osíxeno ás conversas unha cesión do Reino Unido, a retirada na súa Lei de Mercado Interior de varias cláusulas relativas a Irlanda do Norte. A tres semanas do Brexit, a axenda en Bruxelas está apertada. O xoves haberá cumio dos líderes dos 27, moi atentos ao que ocorre con esta ruptura, coa esperanza posta en que hoxe haxa algún avance político e se poidan reiniciar as negociacións o venres. 

Noticias web

09/12/2020