CRTVG

Buscar

Cazolada dos hostaleiros de Pontevedra pola crise do sector

Publicado o 03/11/2020 14:03

É a protesta ruidosamente silenciosa dos hostaleiros de Pontevedra. Unha cazolada para amosar o malestar dun sector que ve que vai directo á ruína. 

"A partir das medidas que se tomaron o venres dun xeito improvisado, a xente estalou, e de xeito espontáneo, os hostaleiros fóronse unindo, e se lles desen gasolina e lume isto remataría coma a Roma de Nerón", di Elena Vitoria, secretaria da Asociación da Hostaleiros e Empresarios de Pontevedra.

"Eu vexo que xa tardamos en facelo, porque os hostaleiros estamos no punto de mira de todo o mundo, cando o único que intentas é saír adiante nun momento que vemos que é moi excepcional, e vémonos con atribucións que non son nosas, eu son hostaleiro, non policía", conta Juan Carlos Sánchez Sobral, xerente dunha bocatería.

Unha cazolada que vai acompañada dunha xornada de peche do sector que algúns non poden secundar para non quedaren aínda máis afogados. Pontevedra non é que quedase decorada para Defuntos, é que as esquelas lembran o estado terminal do sector da hostalería.

"Déixannos abrir, pero non nos deixan traballar, somos os primeiros que queremos acabar e participar coma o que mais na loita contra a covid-19, pero se non nos deixan traballar... Pero como fas o dos conviventes, o dos horarios, o da ocupación ao 50% e mantés os gastos ao 100 %", di Ramón Pedras, taberneiro.

"Sería moito máis honesto que nos obrigasen a pechar e que logo nos apoiasen cos gastos ca que nos obriguen a estar abertos, pero quítannos os clientes. Temos o 100% dos gastos e nin a metade dos ingresos", explica Elena.

Unha situación límite para moitos, que piden axudas para un sector a piques de morrer pola sucesión de medidas que os están a atoar.

 

Noticias web

03/11/2020