CRTVG

Buscar

Cazan un xabaril de case 150 quilos en Castroverde

Publicado o 19/09/2019 13:39

Este superxabaril de case 150 quilos de peso foi cazado por unha cuadrilla de Francelos, en Castroverde. Debido ao seu gran tamaño, para trasladalo foron precisas media ducia de persoas. O animal foi abatido nun piñeiral de 200 hectáreas en Vilafrío, na parroquia de San Xoán de Barredo, onde a súa captura causou unha grande expectación.

"Longo, era moito. O cabezón, enorme. Era enorme, superenorme".
"O xabaril era enorme, moito. Tremendo bicho levan aí, díxenlle ao meu marido. É que era enorme".
"Eu viña da casa cando pasaron os cazadores. Vino de pasada, pero o meu cuñado dixo que era un bicho bastante grande. Incluso xa branqueaba polo lombo, así que xa era un animal de bastante tempo".

Ao porco bravo que abateron, e a outros exemplares da contorna, atribúenlles os estragos que os veciños do lugar veñen padecendo nos seus cultivos. Algúns gandeiros mesmo teñen que recorrer a pastores eléctricos conectados de xeito continuo para evitar que os xabarís provoquen danos nas plantacións de millo.

"Nas patacas, no millo... Temos trinta e tantas hectáreas de millo e temos que ter todo cerrado con dous fíos de pastor. É que, se non, non hai forma. E así e todo chéganos moito aguantalo".
"Quedamos contentos de que sacaran algo de aí. A min non é que me fixera dano, porque eu non teño millo, pero vexo que aos granxeiros que si o teñen estalles facendo moito dano".

Unha vez despezaron o xabaril, os cazadores conseguiron máis de cen quilos de carne.

Noticias web

19/09/2019