CRTVG

Buscar

Interceptan un motorista a máis de 200 km/h na A-52 en Carballeda de Avia

Publicado o 19/07/2019 13:37
Interceptan un motorista a máis de 200 km/h na A-52 en Carballeda de Avia

A Garda Civil de Tráfico detectou na mañá deste xoves un mozo de 32 anos conducindo unha motocicleta a 216 quilómetros por hora pola autovía A-52, ao seu paso pola localidade ourensá de Carballeda de Avia, polo que o home está a ser investigado por un delito contra a seguridade viaria.  

Os axentes atopábanse realizando un dispositivo de seguridade viaria xunto coa Garda Nacional Republicana (GNR) de Portugal, no marco de colaboración que manteñen ambos os corpos cando interceptaron o vehículo. Esta motocicleta era conducida por un home de 32 anos de idade, cuxa conduta foi obxecto de instrución do correspondente atestado policial en calidade de investigado, por conducir un vehículo a motor a unha velocidade superior a 80 quilómetros por hora á permitida reglamentariamente en vía interurbana.

Tal como indicou a Garda Civil nun comunicado, esta infracción penal contempla penas de prisión de tres a seis meses ou unha multa de ata doce meses ou traballos en beneficio da comunidade por ata 90 días.

"En calquera caso, contempla a de privación do dereito a conducir por tempo superior a un e ata catro anos", indicou a Benemérita.

Noticias web

19/07/2019