CRTVG

Buscar

Cazan un condutor a 200 quilómetros por hora pola autoestrada da Costa da Morte

Publicado o 21/04/2021 15:07

A 180 quilómetros por hora e acelerando ata acadar os 200 quilómetros por hora. Así circulaba un infractor pola autoestrada AG-55, entre os quilómetros 36 e 38, ao seu paso por Coristanco.

"Buscando información sobre calquera delito que se cometa nas redes sobre seguridade viaria ou que se poida cometer, observou nunha coñecida rede social como esta persoa subiu un vídeo publicando a gran velocidade", explica Héctor Teixeira, Garda Civil de Tráfico.

Así que iniciaron unha investigación e lograron identificar o autor dos feitos, o vehículo utilizado e a zona en que se produciu a gravación.

"Formulóuselle unha infracción administrativa por condución temeraria, que implica 500 euros e a perda de seis puntos. Neste caso non hai delito porque non superaba en 80 quilómetros por hora, o límite establecido nesa vía. No caso de ser así, enfrontaríase a un delito contra a seguridade viaria", engade Héctor Teixeira.

Na rúa cualifican esta condución temeraria como unha imprudencia moi grave.

"Xa queda demostrado todo: primeiro, a súa imprudencia e despois, darse de heroe e valente", di un condutor.

Desde a Garda Civil de Tráfico lembran que hai que respectar sempre as normas de circulación. Tamén que conducir con temeridade pon en perigo a vida das persoas e que pode supoñer penas de seis meses a dous anos de cadea e privación do dereito a conducir dun a seis anos.


 

Noticias web

21/04/2021