CRTVG

Buscar

Interceptan un condutor a 111 quilómetros por hora na rolda da Muralla de Lugo

Publicado o 17/09/2019 17:04

Este radar da rolda da Muralla de Lugo cazou un coche circulando a 111 km/h, unha velocidade que case cuadruplica a máxima permitida nesta vía. A Unidade de Atestados da Policía Local xa instruíu dilixencias por un delito contra a seguridade viaria, que pode supoñer de tres a seis meses de prisión para o condutor.

Jesús Piñeiro, xefe da Policía Local de Lugo: "A canle establece que pode ser unha pena de prisión ou pode ser unha multa ou traballos en benficio da comunidade. Isto decídeo a autoridade xudicial, pero sempre implica a retirada do permiso de conducir e 1 a 4 anos".

"Paréceme unha esaxeración, un exceso. A 111 non se pode ir por aquí. Igual é esaxerada tamén a limitación a 30, pero ir a 111 é delito".

"Unha animalada, por aquí polo centro de Lugo que anden a 111. Iso é unha animalada, onde está o límite a 30 por hora".

"Non é normal. Igual ía bébedo ou algo, porque non é normal".

Os dous radares fixos situados na rolda da Muralla captan unha media de 450 infractores ao mes. A maior parte deles circula a velocidades de entre 31 e 50 quilómetros por hora, pero máis dun 1% duplican, ou mesmo triplican, a velocidade máxima permitida.

"Sobre todo as fins de semana, cando hai pouco tránsito, é incontrolable. A máis de 100, e pódese dicir a máis de 120 tamén algún".

"Pasar de 30 aquí, a verdade, é fácil nesta baixada. Pero unha cousa é ir a 50 e outra é ir a 100 ou cento e pico".

"Aínda van cazando algúns aquí neste radar, que eu ben os vexo. Non sei a canto pasan, pero aínda salta. Eu veño por aquí andando e saltan varios".

Hai agora un mes, un mozo de 22 anos esnafraba o seu coche contra unha reixa na mesma rolda da Muralla. A velocidade estimada á que circulaba terá que ser fixada pola Policía Local de Lugo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/09/2019