CRTVG

Buscar

Causan estragos por valor de 3.000 euros no colexio estradense do Foxo

Publicado o 23/07/2019 13:48

A Garda Civil investiga a autoría da desfeita que atoparon no colexio do Foxo, na Estrada. Supostamente os asaltantes tentaron entrar no centro e, ao non conseguilo, esnaquizaron o que puideron. As principais hipóteses barallan que os autores son rapaces da contorna. 

Os mestres atoparon os danos pola mañá, cando chegaron ao centro. Na parte traseira esnaquizaron varios cadros pendurados na entrada, ademais de arrincar varios murais feitos polos alumnos. Entre os danos tamén está un mural pictórico, obra do artista local Manuel Fragoso. Romperon varios cristais das fiestras da casa do conserxe e da porta de acceso á biblioteca.

Tamén bateron na billa dunha fonte que empregan os pequenos para beber e mesmo estalaron un anaco de mármore. Ademais levaron os sinalizadores de madeira das distintas especies arbóreas plantadas no recinto que tiñan a data e o nome de quen as plantara. A peor parte levouna o mobiliario do parque infantil onde xogan os máis miúdos. Aquí desfixeron todo, cren, co único fin de facer mal. Ata sacaron os xoguetes que gardaban nun baúl que xa non serven para nada, e quedaron ciscados polo chan. A directora do centro foi quen presentou a denuncia no cuartel e a Garda Civil da Estrada investiga os danos, que están valorados nun tres mil euros.

Os feitos aconteceron en dous días, xa que o asaltante ou asaltantes volveron ao día seguinte da desfeita para seguir coa súa zarracina. Dende a dirección do centro lamentan profundamente actitudes coma esta, que danan un espazo público, que queren manter aberto a todos para o goce destas instalacións fóra do horario lectivo e mesmo no verán.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/07/2019