Atopan un veciño de Aguiño de 66 anos que levaba días morto na casa
• A esta morte súmanse outras tres de anciáns sós nas súas casas na última semana
O corpo sen vida da última das vítimas, un home, foi atopado este domingo nunha vivenda de Aguiño. Foron os veciños os que alertaron a familia tras varios días sen velo pola zona e sen ver movemento no interior do domicilio.
A última vez que o viron con vida foi nas festas do Carme, hai preto de 10 días. As primeiras hipótreses apuntan que puido morrer de forma natural, aínda que haberá que esperar á autopsia para confirmalo.
Antes deste falecemento, outras tres mortes en circunstancias semellantes producíronse nos últimos días. En Viveiro, un home que vivía de alugueiro e que levaba meses sen pagar a renda foi atopado no domicilio en avanzado estado de descomposición. A alerta dérona precisamente os seus caseiros.
En Ferrol, o xoves axentes da Policía Local e Nacional atoparon no seu domicilio o corpo sen vida dunha muller de avanzada idade. Sucedeu na rúa Alcalde Usero de Ferrol. Foi un familiar quen avisou os servizos de emerxencia ao ver que non podía contactar con ela. A muller, de avanzada idade, vivía soa, e o seu corpo foi atopado en estado de descomposición, polo que podería levar varios días falecida.
E en Ourense, tamén o xoves, o intenso cheiro nunha vivenda levou os veciños a chamar á policía. Nela vivía José García, electricista xubilado, de 74 anos. Cando os axentes conseguiron entrar na vivenda atoparon o seu cadáver. Podería levar morto uns dous meses.