Catro niños de velutinas provocan a preocupación da veciñanza na aldea de Cures
José Magallanes sinala o primeiro niño de velutinas que descubriron hai vinte días, na aldea onde vive, en Cures. Non estaba só, ao outro lado do camiño, entre os eucaliptos, hai outro niño máis. En canto os detectaron, chamaron a Xunta.
"Chamamos o 012, mandaron un señor a miralos, veu tres días máis ou menos, marcounos, quítalle unhas fotos e aínda non apareceron dende hai os vinte días, non apareceu ninguén e cómenos pola aldea adiante", explica este veciño de Cures.
Porque os niños non están entre as casas, pero di José que nalgúns momentos do día as avespan achéganse ás zonas onde hai xente: "Sobre as doce, doce e media máis ou menos parece que temos avionetas pola aldea adiante, ata arremeten contra a xente e todo. Unha señora ata tiña unha nunha man, que estaba cunhas uvas, non lle picaron de chiripa. Estamos totalmente rodeados e con perigo delas".
Rodeados porque hai máis avespeiros, Francisco González Lijó ensínanos o máis grande que atoparon, este tamén foi sinalizado polo equipo enviado pola Xunta. Pero ninguén veu retiralo. Onte descubriron outro niño máis. En total son xa catro. E, como era de esperar, xa hai algunha vítima das avespas.
"Un tío ten unha maceira e foi coller unha mazá e esta oca, non a viu, colleuna pola parte de arriba, botoulle a man e picouno unha velutina, tívose que deitar no chan, vomitou e foi ao médico. Agora non sei como está pero estivo bastante fastidiado", relata Francisco.
Na aldea, a preocupación é maior, aínda entre as persoas que sofren algún tipo de alerxia ás avespas. Iso sábeo ben Maite, o seu marido é alérxico e xa sufriu unha picada destes insectos.
Maite Cerqueiras Saborido explícao así: "Pois aí, xusto aí diante, picouno un niño e custounos moito chegar ao centro de saúde de Boiro porque parecía un monstro, a cara deformóuselle, estiveron a piques de facerlle unha traqueostomía e fatal".
As veciñas e veciños de Cures só queren que a Xunta envíe o persoal especializado que poida libralos da ameaza das 'velutinas'.