CRTVG

Buscar

Catro mulleres lideran para o Congreso unhas listas galegas do PSOE cheas de cambios

Publicado o 17/03/2019 21:43

O comité federal do PSOE introduciu cambios nas listas provinciais de Lugo e Ourense, e tamén na candidatura municipal da Coruña, Ferrol e Ourense. Iso no que respecta ás cadidaturas para as xerais e as municipais. As listas europeas aprobadas polos socialistas confimaron a despedida de Xosé Blanco da política. 

Antes de que comezase o Comité Federal do PSOE en que se certificaba a exclusión de José Blanco das listas para as eleccións europeas, o político de Palas de Rei adiantábase e anunciábao nas súas redes sociais.

O único galego que forma parte da candidatura para o Parlamento Europeo é o actual tenente de alcalde de Lalín. Nicolás González Casares ocupa o posto número 9 na lista aprobada pola dirección socialista. Previsiblemente, deixará a un lado a política municipal, para enfrontar este novo compromiso.

Nicolas González Casares, candidato do PSOE ao Europarlamento: "Pois moi orgulloso e moi satisfeito porque é un pracer e unha honra para min, non só representar os socialistas galegos nesta lista ao Parlamento Europeo, senón unha lista representativa de todo o Estado. O desafío agora mesmo para min fundamentalmente é o desafío das elecciós europeas, pero vou estar cos socialistas de Lalín traballando, para que siga o cambio aquí".

Tamén sufriron cambios de última hora as listas socialistas para as eleccións xerais do vindeiro 28 de abril. Catro mulleres presiden as candidaturas das catro provincias galegas ao Congreso. Pilar Cancela, pola Coruña; Olga Alonso, por Pontevedra; Ana Prieto, por Lugo, e Marina Ortega, por Ourense. Dende a dirección do partido en Galicia, Gonzalo Caballero resaltaba esta compoñente feminista como "reflexo da igualdade real do país".

Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG: "Boas candidaturas para o proceso de eleccións europeas, para as municipais, para as eleccións xerais. Catro mulleres encabezando as catro provincias galegas, un compoñente feminista da igualdade real do país".

Para o Senado, a candidatura socialista galega estará liderada por Antonio Vázquez, Modesto Pose, César Mogo e Juan Carlos Francisco.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/03/2019