CRTVG

Buscar

Catro meses mobilizados contra as políticas económicas en Francia

Publicado o 16/03/2019 21:37

Os chalecos amarelos volveron saír hoxe ás rúas de París para protestar contra as políticas económicas de Macron, como levan facendo desde hai catro meses. A mobilización, na que se produciron altercados violentos, queimas e saqueos rematou con 150 detidos.

Cúmprense catro meses desde o inicio das protestas, 18 sábados nos que Francia constatou nas rúas a mobilización dos chalecos amarelos que inicialmente se ergueron contra o aumento do imposto sobre o combustible ata conseguir anulalo, pero desde entón as súas reivindicacións ampliáronse ata rexeitar radicalmente as políticas económicas do presidente Macron. Hoxe emitían un ultimato antes de endurecer as protestas:

"O ultimato é que manifestamos as nosas queixas, fixemos todas as nosas demandas e vimos que non nos escoitaban. Só recibimos violencia a cambio, houbo 13 mortos e milleiros de feridos. É o único diálogo que tivemos por resposta", di este home, desempregado.

E aínda que as cifras desta mobilización distan moito dos máis de 280.000 manifestantes de finais de novembro hoxe volveron producirse os altercados e os saqueos de negocios nos Campos Elisios.
Os 5.000 policías mobilizados arrestaron uns 150 manifestantes, e o ministro de Interior, Christophe Castaner, alertaba da presenza dunhas 1.500 persoas "ultraviolentas" na mobilización e insistía en que os líderes dos chalecos están facendo chamamentos á violencia.

"A nosa responsabilidade é manter a orde pública, previndo os problemas e resistindo os ataques porque debe ser unha resposta proporcionada pero firme." O goberno cifrou en 32.000 os manifestantes en toda Francia, 10.000 en París.
 

Noticias web

16/03/2019