CRTVG

Buscar

Catro meses de formación intensiva en programación, unha vía para acceder ao mundo laboral dixital

Publicado o 07/09/2021 15:05

A transformación dixital tan acelerada que estamos vivindo esixe unha reciclaxe igual de acelerada para traballadores e empresas. Para facilitar ese proceso están xurdindo novos modelos de formación, como os 'bootcamps' de programación. Son ciclos curtos e intensivos en que se aprende realizando aplicacións reais.

Irene traballou durante anos nunha empresa de loxística. Logo estudou márketing dixital buscando unha alternativa laboral que fora máis compatible coa vida familiar. Pero o cambio non cumpriu as súas expectativas e decidiu empezar de novo como programadora informática. "Chamábame a atención e sobre todo despois da pandemia pensei que era o sitio en que había que estar porque o que non caía nesa crise era a tecnoloxía", di Irene Medín, unha coruñesa que agora traballa no departamento de front end dunha start up que xestiona os plans de protección de datos doutras empresas.

Formouse en catro meses no que se coñece como unha 'bootcamp', un ciclo de formación práctica intensiva. "O que facemos é ensinarlle as bases para que poida ser produtivo nunha empresa desde o minuto cero, esa é a idea", explica Pablo Rodriguez, CEO de Hack a Boss, unha empresa galega creada para facilitar este modelo de formación intensiva. Considera que é un formato clave para a adaptación tanto dos traballadores como das empresas ao mundo dixital. "De feito, un dos puntos máis importantes nesta formación ao longo desas dezaseis semanas é que desenvolven proxectos reais. Desenvolven un clon de Facebook, un clon de Airbnb ou de Twitter e despois, durante dous meses fan un proxecto que podería ser perfectamente comercializable", recalca o responsable deste centro de formación creado hai tres anos con oferta presencial na Coruña e Vigo e tamén on line.

"Simplemente é como aprender un idioma novo; igual que hai academias de inglés, programar é aprender a falarlles ás máquinas como elas entenden, non ten máis misterio... non é algo tan difícil, doutro mundo, eh!", asegura Irene. Aprender ese 'idioma das máquinas' permitiulle ao cabo de dous meses empezar a traballar nunha empresa catalá, coa flexibilidade que ela buscaba. "É un traballo totalmente remoto que efectúo desde aquí, desde Galicia, sen ter que ir nunca a Barcelona... e o que me encanta é poder conciliar e non ter que perder tempo da miña vida en desprazarme, a verdade."

En Hack a Boss forman unhas 300 persoas por ano con estes formatos intensivos e, segundo o seu seguimento, o 78% dos que tiñan como obxectivo conseguir traballo, lógrarono ben por conta allea ou ben lanzando o seu propio proxecto de empresa.

Noticias web

07/09/2021