CRTVG

Buscar

Catro membros dunha mesma familia permanecen illados en Boiro tras dar positivo por coronavirus

Publicado o 28/07/2020 21:47

Catro membros dunha mesma familia permanecen illados en Boiro tras dar positivo por coronavirus. Estamos a falar dun caso importado.

Trátase de catro persoas procedentes de Madrid e que viñeron a Boiro veranear. Os catro pertencen á mesma familia e, de momento, as probas non detectaron máis contactos afectados pola Covid-19. Todos presentan síntomas leves e permanecen illados baixo seguimento médico na vivenda en que están aloxados.

Ante este gromo, desde o Concello reactivaron a comisión de seguimento da Covid-19, lembran a importancia de non baixar a garda e de seguir cumprindo coas normas de protección e hixiene.

A Policía Local de Boiro está reforzando xa os controis para garantir o uso da máscara entre toda a poboación e vixiar que non se produzan aglomeracións nos locais de hostalería e ocio. Desde o Concello recomendan non baixar a garda e manter as medidas de prevención.

Na área sanitaria de Vigo os casos ascenden a 47. O último gromo de coronavirus de Vigo obrigou a someter todo o persoal da Fiscalía a probas PCR. O positivo dunha funcionaria ao regreso das súas vacacións mantén en sete o total de positivos deste foco. 

Na Mariña, os casos activos baixan a 47 e no Saviñao mantéñense en 15 os positivos que se contaxiaron nunha comida con familiares que viñan de Madrid. 
No caso do Fuenlabrada, xa recibiu a alta o xogador que tivera que ser traslado ao hospital. Está de novo neste hotel da Coruña para seguir gardando a corentena co resto da expedición.

 

 

Noticias web

28/07/2020