CRTVG

Buscar

A vaga de incendios no centro de Portugal deixa xa oito feridos e ducias de evacuados

Publicado o 21/07/2019 10:45

Un incendio de grandes dimensións segue hoxe activo no distrito de Castelo Branco, no centro de Portugal, onde o resto de lumes preocupantes foron controlados durante a noite e xa hai oito feridos, un deles un civil grave por queimaduras. O comandante de Protección Civil Luís Belo Costa informou nunha rolda de prensa de que o incendio activo, en Vila de Rei, ten unha lonxitude total de 25 quilómetros e, a pesar de que o 60 % da súa área xa foi dominada, "hai aínda moita fronte por resolver".

O lume estendeuse ao municipio veciño de Mação, onde se atopa este domingo a cabeza do incendio. Preto de 800 bombeiros traballan exclusivamente neste lume, aos que durante a mañá iranse unindo varios avións e helicópteros, para uns traballos que están a ser dificultados polo tipo de terreo e a cantidade de aldeas que protexer. Protección Civil informou de que houbo varias evacuacións e non descarta realizar máis se fose necesario. Ademais, o comandante sinalou que aínda non hai un cálculo da área afectada polas lapas, pero trátase dun "incendio grande" que xa afectou varias miles de hectáreas.

Os outros incendios declarados o sábado en Castelo Branco, no municipio de Sertã, foron dominados durante a madrugada, aínda que centenares de bombeiros mantéñense no terreo para terminar os traballos de extinción. En total, sinalou o comandante, hai preto de 1.600 efectivos no distrito de Castelo Branco. Os traballos de extinción foron reforzados por catro tractores das Forzas Armadas de Portugal, para axudar no acceso dos bombeiros ás zonas afectadas. Os graves incendios desta fin de semana no centro de Portugal causaron xa oito feridos, sete bombeiros leves e un civil grave trasladado á unidade de queimados dun hospital de Lisboa. Protección Civil alertou o pasado xoves de que a subida das temperaturas e a diminución da humidade previstas para esta fin de semana aumentaban o perigo de incendios forestais, polo que pediu á poboación que tomase precaucións. O Instituto Portugués do Mar e a Atmosfera puxo este domingo a nove municipios en risco máximo de incendio, a maior parte no distrito de Castelo Branco.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/07/2019