CRTVG

Buscar

Catro implicados nunha liorta con armas brancas aceptan penas de ata tres anos

Publicado o 03/10/2017 13:52

Entre un e tres anos de cárcere para os catro homes que ían xulgar hoxe, por mor dunha pelexa moi violenta, na Coruña. A lea era por unha débeda, e a cousa acabara con armas brancas polo medio, como unha catana e un puñal. De feito, dous dos acusados estaban imputados por homicidio en grao de tentativa. O outro dos procesados estaba acusado por non impedir delitos e por encubrimento, porque recolleu o puñal da rúa e agochouno no seu coche para evitar que o atopara a Policía.

Os feitos aconteceron en marzo en 2015 nunha rúa do barrio coruñés de Matogrande, a plena luz do día. A orixe da liorta, en que empregaron unha catana e máis un puñal, foi unha débeda como consecuencia da realización duns traballos.

Dous dos investigados estaban acusados dun delito de homicidio en grao de tentativa para os que a Fiscalía pedía sete anos de cadea. O terceiro que participou tamén na pelexa estaba acusado dun delito de lesións cometidas con arma branca, e o Ministerio Público pedía para el tres anos de cadea. Nos feitos estaba implicado un cuarto home, que se enfrontaba a dous anos de cadea por omisión do deber de socorro e encubrimento. El foi quen recolleu da rúa e agochou no seu coche o puñal que levou o seu amigo á pelexa para evitar que o atopase a policía.

Esta mañá os catro declaráronse culpables e a Fiscalía, nas súas conclusións finais, decidiu rebaixar as penas que oscilan entre tres e un ano de prisión. O xuízo quedou visto para sentenza.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/10/2017