CRTVG

Buscar

Catro horas de declaración da vítima da suposta violación múltiple no San Fermín

Publicado o 14/11/2017 14:57

Segunda xornada da vista oral que xulga a suposta violación múltiple a una moza en Pamplona nas festas de San Fermín do ano pasado. Unha xornada clave na que, durante catro horas, prestou declaración a vítima. Onte, os cinco acusados declaráronse non culpables.

Pasadas as nove e media da mañá chegaba ao Pazo de Xustiza de Pamplona a moza na única xornada en que tivo que estar presente. A Audiencia dispuxo medidas excepcionais para salvagardar a súa intimidade e para evitar calquera contacto cos cinco supostos agresores. Estes, autodenominados 'La Manada', chegaban media hora antes, desde o cárcere onde tres deles están desde hai 16 meses. Os outros dous, un membro do Exército e outro garda civil, foron trasladados para o xuízo desde a prisión militar de Alcalá de Henares.

Xornada importante, di o avogado defensor de tres dos presuntos violadores, porque o testemuño da vítima será clave, xunto cos vídeos da suposta violación múltiple daquela madrugada de San Fermín gravados polos propios acusados. O xuízo celébrase a porta pechada, pero transcendeu que a primeira hora houbo un receso para decidir precisamente se se emitían eses vídeos en que, segundo o xuíz instrutor, "animábanse mutuamente" mentres a rapaza era incapaz de defenderse.

Tras a vítima, estaba citada a declarar a parella que a atopou chorando na rúa, pouco despois dos feitos, e deu aviso aos servizos de urxencia. Os cinco acusados, para os que a Fiscalía pide 22 anos de cadea, declaráronse onte inocentes dos cargos de violación, aínda que un deles, o garda civil, si admitiu que lle roubaran o móbil.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/11/2017