CRTVG

Buscar

Catro falecidos nas estradas galegas nun sábado tráxico

Publicado o 02/11/2019 19:01

• O accidente de tráfico máis grave deixa dous mortos en Ames, na estrada que vai Bertamiráns a Negreira

• En Brión, perdeu a vida unha persoa ao bateren dous coches

• Hai unha cuarta vítima mortal en Ponte Caldelas

Imaxe do accidente mortal con dúas vítimas en Ames

Xornada tráxica nas estradas galegas a do sábado con catro falecidos. O accidente máis grave ocorreu en Ames, na estrada de Bertamiráns a Negreira e causou a morte de dúas persoas.

14:00 Dous mortos en Ames

En Ames falecían dúas persoas, pai e filla, na estrada entre Negreira e Bertamiráns, á altura do desvío cara a Brión. Unha terceira persoa quedaba ferida leve.Para rescatar as vítimas acudiron os Bombeiros de Boiro e de Santa Comba, o 061, o GES de Brión e Protección Civil de Ames, ademais da Policía Local e a Garda Civil de Tráfico.

15:08 Un falecido en Ponte Caldelas


O último accidente mortal desta tarde ocorreu en Ponte Caldelas pouco despois das 3 da tarde, na PO-255, a dous quilómetros de Caritel.

Dous coches bateron frontolateralmente ao invadir un deles o carril contrario. Como consecuencia, unha muller faleceu e un home quedou ferido grave.

"O resultado deixa unha nova traxedia nas estradas. Faleceu unha das condutoras implicadas, de 39 anos, veciña de Ponte Caldelas, e outro condutor implicado, que viaxaba só, quedou ferido grave. Neste caso, un varón de 85 anos tamén veciño de Ponte Caldelas", asegurou Juan José López Castro, Xefe do destacamento de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra.

Interviñeron os servizos sanitarios, os bombeiros de Pontevedra e do Morrazo e a Garda Civil de Tráfico.

12:00 Outra vítima mortal en Brión


Ao mediodía, rexistrouse outra vítima mortal na parroquia dos Ánxeles, no concello de Brión, noutra colisión entre dous vehículos na que tamén quedaron feridas outras dúas persoas. Unha delas foi evacuada no helicóptero do 061 e a outra nunha ambulancia.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí