CRTVG

Buscar

Catro empregados de Talgo cando se produciu o sinistro do Alvia declararán no xulgado en xaneiro

Publicado o 11/12/2019 13:33
Catro empregados de Talgo cando se produciu o sinistro do Alvia declararán no xulgado en xaneiro

O Xulgado de Instrución número tres de Santiago de Compostela citou en principio para mañá, 12 de decembro, así como o venres, catro persoas, empregadas de Talgo en xullo de 2013, para que declaren como testemuñas tras reabrirse a causa sobre o descarrilamento dun tren en Angrois. Non obstante, ante a solicitude das partes esa declaración aprazouse ata o 23 de xaneiro.

O titular do xulgado que instrúe a causa do Alvia, Andrés Lago Louro, ordenou nun auto facilitado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que estas catro persoas acheguen o seu testemuño.

A causa foi reaberta pola Audiencia Provincial da Coruña tras a aparición de datos sobrevidos expostos pola plataforma de vítimas 04155, como o suposto borrado de datos dos trens Talgo.

A Plataforma Vítimas Alvia 04155 presentou un recurso contra o fin da instrución en que achegaban unha declaración xurada dun dos ex-traballadores do construtor ferroviario Talgo en que este aseguraba que responsables da empresa ordenaron o borrado de datos sobre avarías do tren accidentado apenas unhas horas despois do suceso.