CRTVG

Buscar

Catro detidos en Vigo nunha liorta multitudinaria entre dúas bandas

Publicado o 12/05/2021 14:21

Liorta de madrugada entre dúas bandas rivais nunha rúa de Vigo. Houbo polo menos dous feridos e a policía detivo catro dos implicados. Sucedeu na rúa Asturias nas inmediacións dunha vivenda que, segundo os veciños da zona, está ocupada ilegalmente por un grupo de mozos. Aínda que non quixeron falar, algunhas testemuñas confirmaron a liorta multitudinaria que enfrontou dúas supostas bandas de mozos de entre 20 e 30 anos e que, segundo o seu relato, puido ter a súa orixe nun presunto roubo. Os veciños aseguran que algúns dos implicados levaban armas brancas.

Cando a Policía Nacional se achegou á zona, tentaron fuxir por rúas próximas porén os axentes conseguiron deter catro persoas, dúas delas presentaban lesións e feridas. No lugar dos feitos comisaron varios obxectos como paus, botellas e pedras que supostamente se empregaron na liorta. Non é a primeira vez que nesta zona se producen incidentes e varias vivendas ocupadas de maneira ilegal estiveron baixo vixilancia policial por compravenda de droga. A policía xa abriu unha investigación para determinar se esta circunstancia podería ter algunha relación coa liorta e busca o resto de implicados no enfrontamento, polo menos unha decena de persoas.

Noticias web

12/05/2021