CRTVG

Buscar

Catro de cada dez fogares descoñece a tarifa eléctrica que ten contratada

Publicado o 11/11/2017 10:22

En catro de cada dez fogares non saben a tarifa eléctrica que teñen contratada. Segundo unha enquisa realizada pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, unha cuarta parte descoñece ata a potencia na factura, unha parte esencial do custo total.

Por moito que se mire, a factura eléctrica é das máis complicadas de entender por todos. E é así ata tal punto que unha boa parte dos consumidores non sabe que potencia ten contratada, a cuarta parte segundo a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia. E iso que axustar a potencia ás necesidades de cada casa pode aforrar moitos cartos.

O 41 por cento dos fogares tampouco sabe que tarifa ten contratada, pero das que hai agora no mercado, os expertos recoñecen que o aforro é mínimo entre unhas e outras. O que si inflúe é axustar os hábitos de consumo, e iso depende de cada un.

Segundo o panel elaborado pola Comisión dos Mercados e a Competencia, a maior parte dos consumidores está acollida á tarifa regulada, a máis común, e Gas Natural Fenosa é a empresa que ten máis clientes con luz e gas contratados en conxunto. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/11/2017