Catro comunidades autónomas, Ceuta e Melilla, sen mortes por covid−19 na última semana

EFE
Catro comunidades autónomas —Estremadura, Murcia, Navarra e A Rioxa— e as cidades autónomas de Ceuta e Melilla non rexistraron ningún falecemento por covid−19 no últimos sete días, segundo o Ministerio de Sanidade, que notificou 19 mortes máis e 4.197 novos contaxios nas últimas 24 horas.
Segundo o Ministerio, a incidencia acumulada volve rexistrar un lixeiro descenso de 2,1 puntos, ata os 96,6 casos por cada 100.000 habitantes en 14 días. Este xoves tamén hai unha baixada de dúas décimas na ocupación das UCI por enfermos de covid−19 ata o 8,8 %, mentres que a presión hospitalaria baixa unha décima e sitúase en 2,4 %.
Madrid volve situarse no 20 % en ocupación de UCI, mentres que Estremadura (1 %), a Comunidade Valenciana (2,11 %), Murcia (tamén 2,11 %) e Galicia (2,4 %) son as comunidades con menor presión nas súas unidades de coidados intensivos por pacientes de covid−19. Desde o inicio da pandemia reportáronse 80.634 mortes, 70 delas na última semana, e 3.753.228 contaxios.
Cinco territorios seguen na nova normalidade: Murcia (48,3), Baleares (40), Galicia (40,4), a Comunidade Valenciana (39,5) e Ceuta (36,8). Pola contra, Andalucía (177,3) e A Rioxa (155,5) son as comunidades en risco alto de transmisión de covid−19 (entre 150 e 250 casos), mentres que no resto de territorios o risco é medio.
Dos 70 falecidos nos últimos sete días, 22 foron notificados en Andalucía, nove en Madrid, outros nove en Castela-A Mancha e oito en Castela e León. Asturias mantense como a comunidade coa letalidade máis alta na pandemia (3,7, %), seguida por Castela-A Mancha (3,1 %), Castela e León (3 %) e Aragón (2,8 %).
Madrid volve situarse no 20 % de ocupación de UCI. Por encima do 10 % están Aragón (12,1 %), Castela e León (13,7 %), Cataluña (12,4 %) e o País Vasco (13,7 %). Nas últimas 24 horas rexistráronse 313 ingresos por covid−19 nos hospitais españois e 570 altas.
Nestes momentos están hospitalizados 2.959 enfermos de covid−19 en planta e 835 nas UCI.
Entre os días 7 e 13 de xuño, as comunidades autónomas realizaron 632.139 probas diagnósticas, das que 408.705 son PCR e 223.434 tests de antíxenos.