CRTVG

Buscar

Catro áreas sanitarias e dúas das sete cidades galegas, fóra do risco extremo por covid−19

Publicado o 18/02/2021 21:31

Santiago é a segunda cidade de Galicia, despois de Vigo, en saír do risco extremo de incidencia da covid−19. Faino ao baixar dos 250 casos por cada cen mil habitantes e despois de meses de duras restricións.

"Que vaiamos a mellor sempre é unha noticia fantástica", di unha muller. "Por suposto que é unha boa noticia, pero ainda queda moito para sacar a máscara", apunta un compostelán. "É unha boa noticia que estea diminuíndo a incidencia, pero temos que ter os pés no chan. A realidade é que son aínda unhas incidencias moi elevadas e que temos que conseguir que diminúan moito máis", matiza o epidemiólogo Juan Gestal.

Outras dúas cidades, Ourense e Lugo, están a piques de conseguir baixar do risco extremo.

"No concello de Lugo a evolución está sendo bastante favorable nos últimos sete, dez días cunha diminución constante no número de contaxios", explica o director asistencial da área sanitaria de Lugo, Rafael Monte.

Pero a melloría non é só nestas cidades. Catro áreas sanitarias tamén deixaron atrás a situación de risco extremo. Son as de Vigo, Santiago-O Barbanza, Lugo-Monforte-A Mariña e Ourense-Verín-O Barco.

"Con respecto ao noso pico que se produciu o 28 de xaneiro estamos xa nun descenso do 70 % no número de casos. Hoxe baixamos dos 1.000. Somos a área sanitaria con menor número de casos activos", explica o xerente da área sanitaria da provincia de Ourense, Félix Rubial.

Pero a pesar da melloría xeral hai concellos como o de Moeche, Guitiriz e Taboadela que superan ou incluso duplican o milleiro de casos por cen mil habitantes. A media de Galicia está en pouco máis de 300. E, a pesar da súa boa evolución, as áreas sanitarias da Coruña-Cee, Ferrol e a de Pontevedra-O Salnés, superan esa taxa.

Noticias web

18/02/2021