CRTVG

Buscar

Catro anos da desaparición do taxista de Ourense Elías Carrera

Publicado o 17/07/2017 13:35

A familia non desiste e continúa a reclamar axuda para dar co seu paradoiro

Hoxe cúmprense catro anos da desaparición de Elías Carrera, o taxista de Ourense que fora visto por última vez na estación de tren da cidade. A familia non desiste e continúa a reclamar axuda para dar co seu paradoiro.

Son as fillas de Elías Carrera que catro anos despois non perden a esperanza de saber de seu pai, malia que o desánimo cada vez é máis evidente. 

"Seguimos tendo fe de que o imos encontrar, pero estamos un pouco desanimandas porque ao principio sempre había algunha chamanda dalgunha pista, aínda que fora falsa, pero dun tempo para aquí nin unha chamada", di Sandra Carrera, a filla do taxista desaparecido hai catro anos
Buscárono por toda España e por Portugal, e seguen na súa procura. 

"Nós seguimos facendo as nosas rutas, imos por Portugal, por Galicia, pero é que non damos con nada. É a angustia de non saber como está, de non saber como pode estar pasando os días pois comendo vivindo todo, todo...", di Sandra, a filla do taxista desaparecido.

A Elías Carrera pérdeselle a pista tal día como hoxe aquí, nas inmediacións da estación Ourense-Empalme, onde alugou un coche supostamente para viaxar ata Vigo. Sábese que o entregou tres horas despois porque foi captado por unha cámara. Tiña 61 anos. A súa familia pídelle que volva á casa.

"Que el que non se preocupe, o que queremos é saber del, xa pasaron catro anos e necesitamos saber porque non é que sexa o meu pai pero é excelente, entón estamos nunha angustia e queremos saber del, que así non se pode estar", di a filla do taxista desaparecido.

Elías levaba un tempo deprimido e a familia pensa que esa puido ser a causa da desaparición.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/07/2017