CRTVG

Buscar

Catoira, un dos tres concellos de Pontevedra libres de coronavirus

Publicado o 01/12/2020 13:55


Catoira foi durante séculos unha fortaleza inexpugnable na desembocadura do Ulla. Resistiu os ataques dos piratas e dos exércitos normandos, e na actualidade parece repeler tamén as arremetidas doutro inimigo invisible: o coronavirus.

É un dos tres concellos da provincia de Pontevedra libres da enfermidade: levan varias semanas sen rexistrar ningún positivo. Un motivo de orgullo para os seus 3.335 habitantes, que mesmo tiran do sentido do humor e apelan á herdanza dos seus antepasados para explicar este fenómeno.

Os veciños de Catoira atribuen á responsabilidade individual, á sorte e ao seu mellor comportamento o feito de que na localidade non haxa casos positivos desde hai semanas.

Catoira converteuse nun oasis, tendo en conta que está a medio camiño entre Vilagarcía e Valga, onde a incidencia do coronavirus cotiza en negativo. Na localidade, a vida segue paseniño e sen as restricións impostas noutros concellos. Os negocios de hostalería, por exemplo, poden manter a súa actividade, aínda que viron minguada a afluencia de clientes doutros lugares.

Os hostaleiros de Catoira séntense privilexiados de poder seguir traballando, pero aseguran que a afluencia de clientes minguou polas restriccións nos concellos próximos.

No que están de acordo en Catoira é na chamada á responsabilidade individual para intentar conter o virus e manter esta condición de concello libre da covid−19.

Noticias web

01/12/2020