CRTVG

Buscar

Cataluña ten 70.000 doses da vacina da covid−19 caducadas

Publicado o 22/09/2021 20:40

Cataluña ten case 70.000 doses de vacinas da covid−19 caducadas. Son envases que superaron o prazo de 30 días en que se recomenda inxectalas despois da desconxelación. A maioría das vacinas pasadas de data son de Pfizer, pero tamén de Moderna e de Janssen. O dato confirmouno hoxe a secretaria xeral de Saúde Pública do goberno catalán.

Na busca dun equilibrio para que non caduquen doses, no Ministerio de Sanidade remítese ao relatorio de vacinas, que segue en continua avaliación sobre a idoneidade dunha terceira dose ou segunda no caso de Janssen.

O relatorio de vacinas segue avaliando de forma permanente a posibilidade de sumar novos grupos de poboación aos que xa reciben unha dose de reforzo. Nesa avaliación está tamén a posibilidade de administrarlles unha dose adicional aos dous millóns de persoas inmunizadas con Janssen en España.

Por iso ese encaixe que teñen que facer as comunidades autónomas para teren doses dabondo para poder continuar coa vacinación sen que cheguen a caducar. A ministra Carolina Darias destaca o esforzo das comunidades, con 69,5 millóns de doses administradas e o 76 % da poboación completamente vacinada.

Noticias web

22/09/2021