Cataluña suaviza as restricións na recta final da súa campaña electoral
Cataluña suaviza dende hoxe algunhas das restricións, dada a mellora dalgúns dos indicadores epidemiolóxicos.
Dende hoxe, e durante dúas semanas, os bares e restaurantes de Cataluña poden abrir unha hora máis ao público, pero só nas franxas permitidas, para o almorzo e a comida. Os ximnasios retoman a actividade ao 30 por cento, e as librerías pasan a considerarse equipamentos culturais, polo que abrirán as fins de semana ao 50 por cento da súa capacidade.
No ámbito educativo volve parcialmente a actividade presencial no primeiro curso universitario. Amais, Cataluña pasa do confinamento municipal ao comarcal, malia que as autoridades recomendan restrinxir os desprazamentos. Nas últimas horas aumentou o número de hospitalizados por covid, pero baixou a velocidade de propagación do virus e o risco de regromo na comunidade.
Isto na última semana de campaña das eleccións catalás, marcadas pola incerteza da participación e do resultado.
A campaña das autonómicas entra na recta final, en plena incerteza pola constitución das mesas electorais polo aluvión de alegacións dos membros designados por sorteo. Dende a Generalitat aseguran que o 99 por cento das mesas xa teñen suficientes membros para constituírse o domingo, pero a publicación de resultados podería pospoñerse ante eventuais atrasos nas votacións.
E no político, as enquisas dan un triplo empate entre Esquerra, o PSC e Junts per Cat. E tamén apuntan que a metade dos cataláns non sabe se acudirá ás urnas, polo que os partidos tentan mobilizar os indecisos. A deputada do BNG Noa Presas participará esta tarde nun acto político da CUP, xunto con representantes de EH-Bildu e outras formacións soberanistas.