CRTVG

Buscar

Cataluña notifica 969 contaxios e 8 mortos máis por coronavirus

Publicado o 29/07/2020 14:33

Cataluña suma 969 contaxios de coronavirus ao cómputo global e notifica 8 mortos máis nas últimas 24 horas, segundo o último reconto facilitado polas autoridades sanitarias.

Todos os novos contaxios foron confirmados por test rápido ou PCR. Unha cuarta parte deles corresponden á cidade de Barcelona e 61 á comarca ilerdense do Segriá.

O gromo detectado nunha empresa de recollida de residuos da localidade xerundense de Blanes afecta 12 empregados e 2 familiares dos traballadores. Todos eles presentan síntomas leves e evolucionan favorablemente.

Navarra, outra das comunidades máis afectadas polas repuntas, rexistrou 39 novo casos na última xornada. Nos hospitais navarros permanecen ingresados 37 pacientes con covid-19, un deles na UCI.

Despois de que as probas diagnósticas descartaran contaxios, o Concello de Hernani, en Euskadi, levantou o illamento ás dez familias que vivían no edificio da localidade guipuscoana sospeitoso de rexistrar un gromo de coronavirus.

En Murcia, a Policía Nacional busca os 15 fuxidos da dársena do porto cartaxinés de Escombreras, onde foron confinados para pasar a corentena os máis de 250 inmigrantes chegados á costa en varias lanchas durante a fin de semana.

Noticias web

29/07/2020